Friday 03 de May de 2024

O planetario da Casa das Ciencias estrea o novo proxector que mellora a calidade da experiencia inmersiva


A alcaldesa presentou o novo sistema ao alumnado do CEIP Raquel Camacho, primeiros coruñeses en gozar das novas proxeccións

O planetario da Casa das Ciencias estreou hoxe o seu novo proxector, renovado 14 anos despois da instalación do modelo anterior e en funcionamento ata inicios do pasado mes de setembro. A alcaldesa presentou o novo sistema ao alumnado do CEIP Raquel Camacho, os primeiros coruñeses en gozar dunha sesión deste proxector. “Existen poucos colexios e institutos nos que unha saída se convirta nunha viaxe polo universo e vós tendes hoxe a oportunidade de vivila como nunca antes se vivira nesta sala” explicou Rey.

A presentación da alcaldesa estivo seguida das explicacións do director dos Museo Científicos, Marcos Pérez, e da proxección dun dos filmes realizada por Jesús “Suso” Prado, o único traballador en activo do primeiro equipo da Casa das Ciencias. Rey dedicoulle unhas palabras de agradecemento polo seu traballo en nome de todo o Goberno municipal e lembrou a importancia que tivo para a historia do museo. “Esta non vai ser a súa última función, aínda que si unha das derradeiras, pois coa súa pronta xubilación deixará de formar parte deste ‘universo’ no laboral pero non na memoria do barrio e de todos os coruñeses que, coma min, viñeron coñecer o universo da man de Suso” sentenciou a rexedora.

O novo proxector ofrece unha experiencia inmersiva moi superior á anterior, con maior definición e calidade de acordo co avance da propia tecnoloxía. Está conformado por proxectores de tecnoloxía LED e o software Digistar 7, desenvolvido pola empresa Evans&Sutherland, o que proporcionará unha experiencia con maior resolución e imaxes máis reais para trasladar os usuarios e usuarias a outros planetas ou viaxar pola Vía Láctea e o resto do universo.

Os traballos de renovación comezaron o pasado mes de setembro e contaron cun investimento total de 214.000 euros. Mantense ademais o emblemático proxector analóxico de estrelas Zeiss, que convivirá co novo sistema dixital como se viña facendo co anterior sistema de proxección. “Case catro xeracións de coruñeses e coruñesas e dous millóns de visitantes pasaron xa por esta particular sala de cinema para coñecer o universo desde Santa Margarida” sinalou Rey.

Coa renovación do planetario, o Goberno de Inés Rey continúa a mellorar a calidade dos Museos Científicos da Coruña á que se suma a renovación do módulo do parto na Domus e coa estrea do novo tanque de especies de augas profundas no Aquarium Finisterrae. A Casa das Ciencias, aberta no 1985 -aínda que a súa creación foi aprobada en pleno fai 40 anos- foi o primeiro Museo Científico Municipal xunto co primeiro centro interactivo de titularidade pública creado en España. “Un sendeiro de liderado que queremos continuar como Goberno municipal, dando pasos nesta segunda gran modernización da Coruña” concluíu a alcaldesa.

Calendario de proxeccións
A partires de mañá, xoves 5 de outubro, o planetario ficará aberto ao público xeral coas primeiras proxeccións do novo sistema. Contarán con sesións en directo con explicacións sobre o novo proxector ás que se sumará a proxección dos programas Polaris, Lévame á Lúa e O ceo de Cloe.
De luns a venres
– 18.00 horas – Sesión en directo (castelán/galego)
Sábados, domingos e festivos
– 11.30 horas – Polaris (galego)
– 13.00 horas – Llévame a la Luna (castelán)
– 17.00 horas – El cielo de Cloe (castelán)
– 18.00 h – Sesión en directo (galego)

As entradas para a Casa das Ciencias poden mercase en liña ou de forma presencial na recepción do Museo, onde tamén se poderán adquirir os pases para as sesións do planetario. Ten un prezo xeral de 2 euros e de 4 euros con sesión de planetario, coa redución do 50% para menores de 16 anos, maiores de 65, persoas desempregadas, carné xove ou estudante e familias numerosas.